jueves, 20 de septiembre de 2012

Debate


O vindeiro día 3 de outubro comeza a campaña das eleccións que Galicia celebra o 21 do mesmo mes para renovar a Cámara Lexislativa Autonómica. Os comicios preséntanse con grandes incógnitas polo que respecta aos resultados, pois as condicións económicas, sociais e políticas son na actualidade radicalmente distintas a calquera das anteriores convocatorias ás urnas.

A grandes trazos, a situación pode sintetizarse así:

-A formación política maioritaria en Galicia e que gobernou nestes últimos anos, o PP, preséntase aos cidadáns cunha bagaxe escasa de xestión, e co lastre de ser o mesmo partido que dende o Goberno do Estado está a aplicar fortes recortes sociais e a aumentar as cargas impositivas. Co paro desbocado, o país a piques dun rescate, a suba do IVE, o copagamento de medicinas e a reducción de orzamentos na sanidade e na educación, hai demasiados colectivos agraviados e presumiblemente reducirase o apoio á forza encabezada en Galicia por Alberto Núñez Feijóo. O gran problema histórico dos 'populares' é que non teñen aliados naturais para poder formar una maioría de goberno, dependen da obtención nas urnas dunha maioría absoluta sempre cara de acadar.

-O PSdeG-PSOE, tradicionalmente a segunda forza política en Galicia, enfróntase ao reto de frear a caída de votos que experimenta en toda España nas últimas convocatorias electorais a consecuencia da xestión de José Luis Rodríguez Zapatero no Goberno do Estado. Aínda por riba, agromaron diferenzas internas importantes no proceso de elaboración das candidaturas.

-O nacionalismo, un espazo ocupado nas últimas década en cuasi monopolio polo BNG, desta vez será un terreo especialmente competido por ata tres formacións nacidas de escicións do propio BNG. Unha delas concorre aos comicios en coalición con Esquerda Unida, unha opción que experimentou un apoio apreciable nas eleccións xerais de finais do pasado ano.

-Hai outros dous partidos que teñen posibilidades de obter escanos (UpyD e a Sociedade Civil e Democracia de Mario Conde). Isto podería levar a unha fragmentación do Parlamento autonómico sen precedentes nos últimos anos.


UN DEBATE OPORTUNO

Visto o contexto no que se desenvolverá o proceso electoral, parece oportuno desenvolver na aula un debate que sirva para analizar en profundidade os puntos fortes e febles das distintas opcións políticas. Cómpre ter en conta que todo o alumnado estamos por riba dos 18 anos, e polo tanto somos cidadáns con dereito ao voto.

Parece tamén oportuno este debate entre alumnos da asignatura de Documentación Informativa, por ser unha boa ocasión de facer unha práctica amena e útil de busca e elaboración de información.

PROPOSTA

Para buscar a implicación e participación de todo o alumnado, a proposta que se presenta avoga pola división do curso (cen estudantes, aproximadamente) en oito grupos de 10-12 persoas.

Os grupos farían os seguintes papeis:

1- Moderadores
2- Partido Popular
3- PSdeG-PSOE
4- BNG
5- Alternativa Galega de Esquerda
6- Compromiso por Galiza
7- Unión Progreso y Democracia
8- Sociedad Civil y Democracia

Cada grupo que traballará sobre una opción política terá que documentarse sobre os puntos fortes e febles da formación que podemos chamar propia, e sobre os puntos fortes e febles dos rivais. O labor podería facerse mediante unha división do traballo a nivel indivisual, e hai suficiente materia para que todos teñan que implicarse. Cada estudante elaborará unhas fichas resumo da parte que lle corresponda, que serían as que manexaría o voceiro ou voceira do grupo que elixan internamente para participar no debate.

O grupo de moderadores/as tería que asumir o traballo de concrección dos puntos nos que centrarían o debate. Tamén farían busca de información, no seu caso para determinar as cuestións de máis interese, para vestir con datos contrastados a presentación dos temas a tocar, e para saber se os representantes das candidaturas están a manexar datos reais.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Comentar es gratis: