RESUMO
A documentación informativa é unha ferramenta clave tanto no proceso de
elaboración de noticias como no día a día das empresas de comunicación. A
súa importancia multiplícase conforme se multiplica tamén o caudal de
información que circula no mundo, con taxas de crecemento exponenciais da man
da eclosión da internet. Os principios, características e función desa rama de
coñecemento son obxecto dunha investigación na que se conclúe que a relación
entre xornalista e documentalista debe ser cada vez máis estreita.
PALABRAS CLAVE
Documentación ,
Xornalismo, Información, Ciberxornalismo
ABSTRACT
Informative
documentation is a key tool in the news elaboration proccess and everyday in
the media. Its importance is multiplied as the flow of information circulating
around the world does so, with exponential growth rates with the internet
birth. The principles, characteristics and function of this branch of knowledge
are object of investigation from which it is concluded that the relationship
between journalist and documentalist is and should be closer.
KEYWORDS
Documentation,
Journalism, Information, Digital journalism
INTRODUCCIÓN
A información
é un importante recurso e a materia prima base do xornalismo, e como tal debe
ser obtida, transformada e distribuída. No pasado puidera darse a figura do
xornalista autosuficiente, que por desenvolver o seu labor nun marco temático e
territorial reducido sería quen de producir noticias sen contar apenas con referencias externas. Pero
iso pertence a un mundo que xa non existe. A profesión require hoxe procesar
cantidades inxentes de información é xa non é válido o recurso de apelar á
memoria ou aos datos contidos nunha enciclopedia.
De aí xorde a necesidade da documentación informativa. O concepto en si mesmo,
as funcións e características son o obxecto
do presente traballo.
CONCEPTO
Existen
numerosas definicións que sintetizan o significado do concepto 'documentación',
sen que exista consenso entre os investigadores e os profesionais sobre unha
que se poda considerar máis completa ou correcta. A efectos do presente
traballo se vai acotar o termo á formulación de Elea Giménez Toledo(2007, 15)
por resultar especialmente concisa e omnicomprensiva: é unha disciplina
científica que trata de recopilar, almacenar, analizar e difundir información
contida en distintos tipos de documentos, co obxectivo de que sexa accesible a
calquera que poda necesitala.
Se
completamos e acotamos o concepto inicial de 'documentación' ao eido concreto
da documentación informativa se pode aplicar outro enunciado, desta vez do
profesor López Yepes (1981): “aquela parte da documentación que ten por obxecto
o estudo do proceso de transmisión de fontes para a obtención de novos
coñecementos na investigación da comunicación social, e no traballo no seo da
empresa informativa”.
PRINCIPIOS
A partir
das definicións anteriores, podemos sentar uns principios que poden ser
universalmente aceptados:
-É unha
disciplina científica porque dispón dunha metodoloxía propia, técnicas
sistematizadas e desenvolvemento no eido investigador.
-Transcende
do mundo teórico, pois ten aplicacións prácticas sobre a información contida en
todo tipo de soportes documentais.
-Dá lugar
á organización de centros de documentación dentro das empresas informativas,
nas que os documentalistas manexan fontes de información temática que serven
para a producción de noticias.
CARACTERÍSTICAS DA INFORMACIÓN NA ACTUALIDADE
A
revolución tecnolóxica das últimas décadas supuxo un cambio radical de todos os
procesos productivos nos medios de comunicación, e posteriormente transformou
un mundo que parecía inamovible: o tráfico de información deixou de ser
patrimonio exclusivo do tecido mediático e pasou a ser un universo aberto a
calquera persoa cun ordenador. O cambio é tan profundo que ameaza a
supervivencia da prensa máis tradicional.
Con todo,
hai moitos aspectos positivos para confrontar cos negativos. Hoxe é posible
elaborar e transmitir información con maior rapidez e con maior calidade ca
nunca. Esa información pode ser actualizada e ampliada continuamente. Hai unha explosión de novos medios que
aproveitan as posibilidades do dixital. A prensa escrita, a radio e a
televisión romperon os moldes que os encorsetaban e multiplicaron as
posibilidades de informar. Ao tempo, romperon as barreiras físicas dos mercados
nos que estaban presentes e acadaron presenza universal, polo menos
potencialmente. Xurdiu, ademais, un novo xeito de informar da man do
ciberxornalismo, que permite facer o mesmo papel que os medios tradicionais
pero a un custe notablemente inferior. Polo tanto, non so hai que ver o novo
panorama con pesimismo.
A revolución
tecnolóxica favoreceu -esta vez si nidiamente- ao ámbito da documentación. Nunca
foi tan sinxelo acceder a un volumen tan elevado de datos como na actualidade,
aínda que a inxente cantidade de documentos aos que se pode acceder é
posiblemente o maior problema co que nos
atopamos: ás veces é difícil entre a información útil, a actualizada e a
solvente daquela que non o é. Isto abre novos campos de traballo no campo da
documentación.
FUNCIÓNS
Tendo en
conta todo o anterior, podemos concretar as funcións do documentalista/centro
de documentación nos seguintes epígrafes:
-Localizar
información tanto propia como a dispoñible
en fontes externas.
-Organizar
e conservar con sistemática científica todo o material que se xulgue de
interese en función do campo de traballo no que se mova.
-Identificar
necesidades futuras para ter cubertas cando se presenten.
-Coa imparable
proceso de expansión das novas tecnoloxías da información abríuse un campo de
traballo inmenso no eido da documentación. O papel do documentalista adquire un
maior relieve como creador de contidos. O ciberxornalismo dá auténtica proxección
aos recursos de documentación: entramos no territorio do hipertexto e agora
ampliar contidos, contextualizalos, ofrecer antecedentes, expoñer casos
similares…. está ao alcance dun clic, e cun uso solvente da Documentación
Informativa é como se poderá crear valor engadido para unha información, e por
ende a un informador e a un medio de comunicación.
FINALIDADE
O bo manexo das fontes de documentación representa
un valor engadido para os profesionais da información. Un uso eficiente dos
recursos permite conseguir os mellores
datos co menor investimento de tempo. E para que? Os beneficios son patentes:
-Verificación de datos para evitar erros.
-Obter antecedentes dun feito noticioso.
-Contar anticipadamente con material para preparar
e orientar unha información .
-Contextualizar e relacionar casos.
-Localización de fontes.
-Acceso a información especializada para dar
profundidade a un traballo.
-Conservar ben sistematizada a documentación que se
considere valiosa.
O xornalista cumple moitas veces na actualidade funcións
de documentalista, aínda que o profesional da documentación continúa a ser insustituible,
como se pode comprobar nas empresas de comunicación (agás nas de moi pequeña dimensión).
Para as canles de televisión e de radio o traballo dos documentalistas é absolutamente
indispensable, e é unha peza clave para crear información como se demostra no
caso da documentalista e xornalista Ángeles Afuera, Premio Antena de Oro 2012.
CENTRO DE
DOCUMENTACIÓN NUN MEDIO:
FUNCIÓNS CARACTERÍSTICAS E FINS
Os medios
de comunicación son ao mesmo tempo productores e receptores de información,
polo que os seus centros, servizos ou equipos de documentación teñen un labor
dobre: por unha parte a xestión e creación dun arquivo do material propio (no
soporte que sexa), e por outra a selección, sistematización e salvagarda de
todo o que chega de fóra (en soportes tamén diversos). A finalidade básica é a
de ser gardián e memoria do medio e facilitar o uso e explotación de todo o
material documental, tanto por parte dos profesionais do mesmo, como -cada vez
máis- por usuarios externos. Pensemos neste sentido no habitual que é a
consulta ás hemerotecas que os xornais poñen a disposición dos lectores coas
edicións dixitais, un servizo do que mesmo que pode obter rendabilidade
económica. Un caso paradigmático é o do diario 'La Vanguardia'.
Para que
un centro de documentación sexa realmente útil nun medio debe reunir os
seguintes requisitos:
-Ter
criterios de traballo adaptados ás necesidades do medio. Iso require unha implicación activa nas
rutinas de producción.
-Capacidade
de identificación das necesidades de información mesmo antes de que xurda a
demanda. Evidentemente, a segunda parte da identificación é a posta en práctica
das medidas que permitan cubrir as lagoas detectadas.
-Axilidade
na resposta cando se demande documentación. Dado o ritmo de traballo dos medios,
é un requisito imprescindible para que sexa de verdade útil e rendible.
-Adaptación
constante ás novas tecnoloxías. Xa se ten comentado anteriormente que a
innovación é unha constante nos procesos produtivos dos medios de comunicación,
e os centros de documentación teñen que levar o paso acompasado. Temos un
exemplo desa necesidade nas empresas informativas do mundo televisivo. En moi
poucos anos incorporaron e desbotaron equipos de gravación e edición en varios
formatos de vídeo, xubilados por obsolescencia moito antes de esgotar a súa
teórica vida útil.
MAPA CONCEPTUAL
Está ben a proposta, clara e concisa, pero, non sei, parece máis entresacada da propia experiencia que dunha certa e algo sistemática consulta de distintas fontes, quizás por iso non hai fontes documentais ao final do traballo; aínda que se menciona a Elea Giménez nen a López Yepes, que sí deberían formar parte dun apartado esencial en calquera tipo de traballo como é a documentación.
ResponderEliminarOs aspectos manexados delimitan cuestións xerais, que están aí e que forman parte da linguaxe do profesional, pero quizás esa experiencia poderíase ver completada a partir das distintas finalidades que se apuntan sobre a relevancia da documentación na difusión de información, ou na difusión de calquera coñecemento.
¿Por qué o mapa conceptual está só baseado no centro de documentación dos medios?